Alameda,
5. 2º Izda. Madrid 28014 Teléfono:
91 420 13 88 Fax: 91 420 20 04
|
|
Por qué son republicano
Xosé Manuel Rivas Troitiño
www.galicia-hoxe.com 14 de Abril de 2006
|
Dende que teño uso de razón política ou cívica
síntome republicano. E cada día que pasa, atopo máis argumentos
para manter esa convicción de que o mellor é, sen dúbida, a república;
e tamén máis para perseverar no desatino das monarquías.
Son republicano, racional e emocionalmente,
porque son demócrata. Hai ditaduras que se chaman repúblicas, pero
non o son. Nas repúblicas de verdade prima a democracia, que xa
sabemos que é a menos mala de todas as formas de organización política.
E na monarquía, por moitas eleccións e democracia que haxa, sempre
hai polo menos un dereito democrático menos.
As repúblicas son tan democráticas que
permiten que cidadáns que se chamen Borbón ou Hasburgo ou Saxonia se
presenten para ser xefes de Estado mentres as monarquías nin sequera
respectan a primoxenitura, e iso que están baseadas nun apelido.
Coido que, ademais, son republicano porque na
memoria colectiva española a alborada refulxente que comezou hai hoxe
setenta e cinco anos quedou marcada como unha utopía posible. A República
foi sentida como o vieiro para o cumio da democracia, con dereitos e
obrigas, pero sobre todo con conciencia de formar parte da cidadanía,
da vida pública, de civismo, de convivencia, de tolerancia, de
cultura, de progreso, de asunto común de todos, de liberdade, de
xustiza, de modernización, de dignidade. E como unha posibilidade de
ser mellores cidadáns e persoas, precisamente por poder sentirse
parte da res-pública, mais responsables da súa condición cidadá, e
por un acceso a cultura que perseguía ser aberto a todos.
Creo que latexa, ademais, nese ADN compartido a
conciencia de que os erros, graves, da II República debían
corrixirse dende dentro, e non con golpes de Estado nin con semánticas
ficcións que perduran ó longo do tempo con conceptos como nacional,
xunguidos a outras manipulacións da linguaxe como alzamento. ¿De que
nación eran, entón, os que simplemente colleu a guerra noutro bando?
Espero que algún día non afastado poida
continuarse o proxecto que interromperon as armas e que levou á
reinstauración da monarquía, sen respectar a continuidade xeracional
nin consultar o pobo. Como en toda obra humana, a república non pode
impedir que haxa corrupcións nin inxustizas nin malgoberno. Pero nada
diso será vitalicio. Porque ten mecanismos para corrixir dende dentro
o que se desvíe dese proxecto compartido de dignidade, de igualdade
de oportunidades e diante da lei, de fraternidade, de ilusión.
A república simboliza, en definitiva, fitos
fundamentais na historia humana: a ágora grega, o foro romano, a
revolución francesa e a proclamación dos dereitos humanos, o mellor
do que chamamos occidente.
|